O Arquivo de Galicia ofrece a exposición Memorias de familia. O fondo
Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia, a primeira doazón privada a esta
institución, que constitúe unha valiosa testemuña da vida cultural,
social e política da Galicia dos séculos XIX e XX.
No marco dunha selección de 98 documentos, a exposición amosa 28
fotografías, cedidas expresamente pola familia para a ocasión, e un
conxunto de obxectos persoais doados ao Museo do Pobo Galego (un frac,
un bombín, unha capelina, unhas luvas, uns impertinentes, etc.). Así
mesmo, a mostra conta recursos gráficos a reprodución dun plano de
Santiago de 1909, pertencente ao fondo do Arquivo Municipal, custodiado
no Arquivo Histórico Universitario, e reproducións de fotografías da
cidade e dos edificios que foron sede das principais institucións
relacionadas coa vida profesional e a actividade política dos membros da
familia.
A exposición divídese en tres partes:
Identidade. O grupo familiar. Pódense contemplar tanto a árbore
xenealóxica como a correspondencia entre os parentes e amizades, e a
documentación referida á economía familiar: desde recibos ou facturas
ata inventarios e escrituras de propiedade da terra que ofrecen un
retrato da realidade da época.
Actividade profesional. Recolle diversos arquivos herdados polo
matrimonio conformado por Eduardo Vilariño e Águeda de Andrés. Neles
destaca o traballo desenvolvido por Eduardo Vilariño −que foi alcalde de
Santiago de 1903 a 1905− na vida municipal e en institucións
compostelás como a Universidade, a Escola de Artes e Oficios ou a
Sociedade Económica de Amigos del País. Conflúen tamén nesta parte da
mostra documentos que testemuñan a carreira xudicial de Fernando de
Lamas Rey, o cargo de bibliotecario da universidade de Manuel Villarino
Varela, ou o exercicio de diversos cargos na Administración da Aduanas
de Filipinas por parte de José de Andrés Moreno Curiel, administrador
ademais das propiedades do marqués de Monroy.
Actividade política. Esta terceira parte está estreitamente vinculada ao
período de Eduardo Vilariño no Concello de Santiago entre 1897 e 1905.
Así mesmo, o activo papel do seu fillo, José Vilariño, tras as eleccións
municipais á fin da Restauración (1931), permiten dar conta do cambio
social e político cara á etapa republicana.
No hay comentarios:
Publicar un comentario