miércoles, 9 de septiembre de 2015

Memorias de Familia

O Arquivo de Galicia ofrece a exposición Memorias de familia. O fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia, a primeira doazón privada a esta institución, que constitúe unha valiosa testemuña da vida cultural, social e política da Galicia dos séculos XIX e XX.
No marco dunha selección de 98 documentos, a exposición amosa 28 fotografías, cedidas expresamente pola familia para a ocasión, e un conxunto de obxectos persoais doados ao Museo do Pobo Galego (un frac, un bombín, unha capelina, unhas luvas, uns impertinentes, etc.). Así mesmo, a mostra conta recursos gráficos a reprodución dun plano de Santiago de 1909, pertencente ao fondo do Arquivo Municipal, custodiado no Arquivo Histórico Universitario, e reproducións de fotografías da cidade e dos edificios que foron sede das principais institucións relacionadas coa vida profesional e a actividade política dos membros da familia.

A exposición divídese en tres partes:
Identidade. O grupo familiar. Pódense contemplar tanto a árbore xenealóxica como a correspondencia entre os parentes e amizades, e a documentación referida á economía familiar: desde recibos ou facturas ata inventarios e escrituras de propiedade da terra que ofrecen un retrato da realidade da época.
Actividade profesional. Recolle diversos arquivos herdados polo matrimonio conformado por Eduardo Vilariño e Águeda de Andrés. Neles destaca o traballo desenvolvido por Eduardo Vilariño −que foi alcalde de Santiago de 1903 a 1905− na vida municipal e en institucións compostelás como a Universidade, a Escola de Artes e Oficios ou a Sociedade Económica de Amigos del País. Conflúen tamén nesta parte da mostra documentos que testemuñan a carreira xudicial de Fernando de Lamas Rey, o cargo de bibliotecario da universidade de Manuel Villarino Varela, ou o exercicio de diversos cargos na Administración da Aduanas de Filipinas por parte de José de Andrés Moreno Curiel, administrador ademais das propiedades do marqués de Monroy.
Actividade política. Esta terceira parte está estreitamente vinculada ao período de Eduardo Vilariño no Concello de Santiago entre 1897 e 1905. Así mesmo, o activo papel do seu fillo, José Vilariño, tras as eleccións municipais á fin da Restauración (1931), permiten dar conta do cambio social e político cara á etapa republicana.

No hay comentarios:

Publicar un comentario